26/01/24

Á hora de alugar unha casa, que seguros existen para protexer a nosa tranquilidade?

A protección da vivenda correspóndelle ao propietario. El é o responsable de manter a integridade e boas condicións desta. Por iso, o seu principal interese será elixir unha póliza de seguros de fogar que inclúa coberturas para o continente. Se a vivenda se aluga amoblada, tamén será interese do propietario ter cobertura polos danos que poida sufrir o contido, é dicir, os seus aparatos da cociña, mobiliario, electrodomésticos ou todo aquilo que deixase na vivenda.

O inquilino debe ocuparse dos seus propios bens. Independentemente das coberturas que teña ou non contratadas o propietario, é aconsellable que teña o seu propio seguro de fogar que cubra o contido, é dicir, os danos que poidan sufrir os seus mobles, equipos informáticos, roupa, xoias, etc.

Xa temos claro como protexer os bens. Pero, que acontece cando causamos danos a un terceiro? Aquí a liña márcaa a causa dos danos. Se rompe unha canalización da calefacción e lle causa unha humidade ao veciño, nese caso é cousa da vivenda, é dicir do propietario. E que acontece se o inquilino deixa a billa aberta? Neste caso, a póliza do propietario non o cubriría, xa que sería responsabilidade do causante do dano.

Ter un seguro de fogar non é obrigatorio por lei, pero si é moi recomendable. E aínda que os propietarios non poden impoñelo, si pode estar entre as condicións que se pactan á hora de asinar o contrato de alugueiro.